O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, denunciou o que considera como un novo “atropelo ao pobo galego por parte do PP” coa nova Lei do ciclo da auga. “Mentres Feijoo pide en Madrid unha política de redución fiscal para todos os españois, aquí deixou aprobada unha norma que é un sablazo fiscal en toda regra aos galegos e galegas”, afirmou.
Formoso explicou que a nova lei suporá cobrarlle a cada familia galega un 61,6 por cento máis por metro cúbico de auga consumida e tratada. En concreto, tras a análise dun total de 74 ordenanzas fiscais de 74 concellos galegos a conclusión é que “se vai producir un incremento de 33 euros por metro cúbico en cada municipio”.
Advertiu de que a nova lei tamén é “un ataque á libre competencia”. Neste senso, explicou que ao mesmo tempo que a Xunta regula o mercado da auga en Galicia e aproba as normas para o sector, vai operar cunha empresa no propio sector.
Convencido de que esta situación “vai en contra de todas as regras de competencia europea”, Formoso non descarta recorrer ao ámbito europeo para que analice, primeiro a través da FEMP e despois da Comisión Europea, a compatibilidade da existencia dun operador que xestione a auga pública en Galicia e que, ademais, teña capacidade normativa para decidir sobre a xestión nese ámbito.