O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, participou este sábado na presentación da candidata socialista á alcaldía da Laracha, Palomi Rodríguez Castiñeira, á que definiu como “a mellor garantía” para acadar “o cambio política que necesita” este municipio. A rexedora da Coruña, Inés Rey, tamén avalou no acto á cabeza de lista do PSdeG, da que se mostrou convencida que vai ser “a próxima alcaldesa da Laracha”.
O número un do PSdeG salientou a “capacidade e valía persoal” de Palomi Rodríguez, á que lle brindou todo o apoio do partido para que A Laracha recupere o dinamismo económico e social que precisa. “Non todos teñen a sorte de que unha “traballadora incansable e con ampla experiencia” se implique na vida da súa vila e faga propostas para resolver os problemas da xente.
Pola súa banda, a alcaldesa da Coruña agradeceu que “unha muller socialista, con ideas, con forza e con ilusión”, como Palomi Rodríguez, dea un paso adiante polo seu concello, “porque cando unha de nós avanza, facémolo todas xuntas”. Inés Rey mostrouse convencida de que a aspirante “será a próxima alcaldesa da Laracha”, porque reúne as cualidades para iso: “sabe escoitar e aportar solución, dúas aptitudes básicas para a política”.
Palomi Rodríguez declarou que sente que a veciñanza “quere volver a ilusionarse cun goberno que veña con ideas novas para darlle vida á Laracha”. Así que se comprometeu a promover “que todos e todas teñan voz na xestión municipal”, e puxo como mellor aval de referencia o traballo feito polos alcaldes e alcaldesas socialistas “nos momentos máis difíciles”.