Formoso e Margarita Robles destacan as oportunidades de futuro para o naval en Ferrolterra


O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, participou en Narón na reunión sectorial “Oportunidades de futuro no ámbito do sector naval de Ferrolterra” xunto coa ministra de Defensa, Margarita Robles, entre outras autoridades e empresarios da comarca.

Formoso destacou que “o asteleiro de Ferrol é o máis grande do mundo, xa que non só abarca a súa parte ubicada na cidade, senón que abrangue tamén toda a industria auxiliar que a surte, ubicada no Polígono do Río do Pozo, no Concello de Narón”. Engadiu que “por este motivo cobra todo o sentido do mundo que esta reunión se realice aquí, xa que este municipio tamén é unha parte importante da industria asteleira na comarca”.

A ministra de Defensa, Margarita Robles, que supervisou os avances do programa de construcción das fragatas F-110 en Navantia Ferrol, indicou que se trata “dun programa fundamental para Ferrol e para a comarca” e apuntou que “nestes últimos catro anos veuse unha gran evolución en Ferrol e agardo un futuro próspero para a súa industria asteleira”. “Síntome moi orgullosa das Forzas Armadas españolas. Necesitamos unhas forzas armadas modernas e actualizadas, por iso desde o noso Ministerio apostamos polo investimento neste departamento. Investir en defensa é investir en seguridade, liberdade e na creación de postos de traballo”, subliñou Robles.

Para o presidente de Navantia, Ricardo Domínguez, dixo que “o asteleiro é o recurso máis importante que temos na nosa comarca, por iso un dos obxectivos fundamentais que nos marcamos é a coordinación coa industria auxiliar, situada en Narón, que é indispensable para Navantia e viceversa”.