Formoso e Pardo estudan investimentos para mellorar os servizos en Malpica

2 minutes read

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, recibiu no seu despacho ao alcalde de Malpica, Walter Pardo Añón, co que analizou distintos investimentos programados pola institución provincial e plans que o novo alcalde ten para o municipio.

Walter Pardo pediu a colaboración da Deputación para levar a cabo un proxecto integral que leve o saneamento a todas as parroquias do municipio. «Sabemos que supón un investimento importante, que terá que asumirse en varias anualidades, pero trazamos como obxectivo estender o saneamento a todo o municipio», afirmou o novo alcalde, que considerou «fundamental mellorar os servizos no ámbito rural, tras moitos anos de abandono».

O presidente da Deputación ofreceu a colaboración técnica do servizo de Asistencia a Municipios para levar a cabo este proxecto, que podería ser financiado en diversas anualidades cos fondos do Plan Único, que este ano investirá en Malpica preto de 700.000 euros para financiar obras e servizos esenciais.

González Formoso e Pardo Añón falaron tamén das obras de mellora da estrada provincial DP4307, que conecta Malpica con Ponteceso, e cuxo firme está sendo mellorado cun investimento de 240.000 euros, e da repercusión do Plan de Emprego Local (PEL), que este ano permite a contratación de 14 traballadores que realizarán obras de acondicionamento, mantemento e mellora de diversas infraestruturas municipais.

Mostra de Olería de Buño

Formoso confirmou ademais que a Deputación da Coruña volverá colaborar no financiamento da Mostra da Olería de Buño, que este ano chega á súa trixésimo sexta edición.

O alcalde agradeceu a importante colaboración económica da Deputación, que destina 80.000 euros á Mostra (o 80% do orzamento total) e fai posible manter un evento que non só contribúe a difundir a tradición oleira da zona, senón que supón un impulso ao turismo e unha fonte de emprego e actividade económica.

Walter Pardo invitou ao presidente a visitar Buño durante os actos da Mostra da Olería, que do 1 ao 4 de agosto contará con numerosas actividades.