O presidente da Deputación da Coruña. Valentín González Formoso, e o vicepresidente, Xosé Regueira, visitaron en Carballo a sede central do Consorcio Contraincendios e Salvamento da Coruña, cuxos bombeiros están colaborando nas tarefas de extinción da vaga de incendios que afectan ás provincias de Lugo e Ourense. Na visita estiveron tamén presentes o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e o Xerente do Consorcio, Luis Barca.
O presidente da Deputación achegouse ao parque provincial de Carballo para avaliar o dispositivo enviado para colaborar na extición dos lumes de Ourense e Lugo principalmente, que está composto por 50 efectivos e 22 vehículos especializados «para aportar o noso grao de area e a nosa solidariedade».
O lume, dixo, «non coñece de cores políticas, pero sí de ser solidario e polo tanto puxemos que todo o noso esforzo para tentar reducir e minimizar o impacto naquelas vilas e lugares por onde paso o lume, que arrasou xa 30.000 hectáreas en Galicia e moitas vivendas, máis dun centenar, con máis de 1.500 persoas evacuadas, polo que entendo que é unha razón de peso para declarar á zona como catastrófica», apuntou Formoso.

Pola súa banda o vicepresidente Xosé Regueira destacou que a Deputación da Coruña sempre, nos momentos máis duros en Galicia, «busca colaborar e non confrontar, tratando de poñer os medios dos que dispón para axudar onde se necesite».
«Logo desta axuda xa tocará falar dos sistemas de prevención e doutro modelo de ordenación do territorio, que non converta os montes galegos en gasolina para os incendios. Temos que buscar nos montes abandonados alternativas que fagan deles un medio produtivo e que axude a combater momentos como este», sentenciou Regueira.
Bombeiros dos dez parques comarcais da provincia da Coruña colaboran en quendas no dispositivo de extinción de incendios forestais que afectan a estas provincias cun amplo dispositivo que tenta frear as consecuencia do lume en varios concellos, moi afectados xa polo lume. A Deputación puxo a disposición destas provincias efectivos persoais e medios co fin de colaborar nas tarefas de extinción.