Formoso esíxelle a Rueda que abandone o ‘silencio’ co boicot de Ayuso ao AVE Lisboa – Oporto – Vigo

1 minutes read

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, esixiulle a Alfonso Rueda que abandone o seu “silencio cómplice” co boicot da presidenta de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, e do PP de Portugal contra a liña de AVE Lisboa – Oporto – Vigo. O responsable socialista dixo en Braga que Rueda terá na Lexislatura que comeza unha “magnífica oportunidade” de “retratarse e explicar se está co PP en contra de Galicia ou a favor dos intereses dos galegos e das galegas”.

Esixiulle a Rueda e ao PP que “expliquen dunha vez a súa conivencia” co intento de Ayuso de “torpedear e suprimir unha infraestrutura fundamental para Galicia e o Norte de Portugal”. Así o dixo nun acto político do PS portugués coa candidatura do distrito de Braga ás eleccións xerais do 10 de marzo, encabezada polo actual ministro do Interior, José Luis Carneiro.

Aludiu así ás continuas agresións da presidenta madrileña -que repetiu esta semana pasada- xunto co alcalde de Lisboa para suprimir a conexión con Vigo en favor do AVE Madrid – Lisboa. Lembrou que na recente visita de Ayuso a Vigo “vimos como o señor Rueda non dixo unha palabra sobre un asunto vital” para a economía de toda a Eurorrexión.