O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, apelou ás Xuventudes Socialistas de Galicia -XSG- para “manter o espírito inconformista” en política. Así o dixo na clausura do XVI Congreso da organización xuvenil, que escolleu os novos órganos de organización e á dirección liderada por Xurxo Doval.
O líder dos socialistas galegos alertou fronte ao “aburguesamento” para “non conformarnos con ser terceira forza política, e tampouco con ser segunda forza, o PSdeG ten que ser a primeira forza política de Galicia”. Apelou a empregar este “inconformismo orientado a un obxectivo” porque, sinalou, “o mundo se cambia dende as institucións”.
González Formoso, apelou ao “espírito autocrítico permanente e á revisión ideolóxica de cada postulado”, e dirixiuse á xuventude socialista a “manter o contacto permanente coa sociedade galega”, e traballar para que o PSdeG “sexa un instrumento útil ao servizo da sociedade”. Así o dixo logo de reivindicar o papel e a colaboración das XSG, aos que “non queremos para encher auditorios nin para ver caras novas detrás dos políticos, queremos que nos enchades de espírito inconformista”, concluíu.