Formoso insta ao PP a apoiar a Lei do Xogo do PSdeG


O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, chamou ao PP a apoiar a proposición de Lei do Xogo que o Grupo Socialista defende no Pleno do Parlamento. Formoso comparou este texto, consensuado cos afectados e centrado en protexer aos menores e colectivos sensibles, fronte ao anunciado pola Xunta a semana pasada, “vinculado aos intereses das casas de apostas”. O líder dos socialistas galegos sinala que a Lei do PSdeG despraza as casas de apostas a case un quilómetro das escolas mentres o PP as deixa a só 300 metros. Ademais, os socialistas reclaman a “prohibición absoluta” dos caixeiros automáticos no interior das casas de apostas, que o PP nin sequera contempla, co que “estanlle a dar unha arma a un enfermo ludópata para que poida empregala contra el mesmo”.