Formoso: O PSdeG é “o instrumento para frear a involución que supón o pacto de Feijoo con Vox”

1 minutes read

O líder dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, exemplifica a “imprescindible unidade” do Partido tras a primeira reunión cos secretarios provinciais saídos do proceso de renovación orgánica. Repróchalle a Feijoo a súa “ausencia” como presidente da Xunta: “É incompatible estar nas Fallas en Valencia mentres os pescadores amarran a flota e os agricultores aparcan os tractores por dificultades económicas”, explicou.

Tras subliñar que “asistimos estupefactos” á bendición de Feijoo a un acordo de goberno coa extrema dereita, Formoso incidiu en que o “estupor” non só se circunscribe a Galicia ou España, senón que se estende ao conxunto de Europa, onde o propio presidente do PP europeo a cualificou de “mala noticia para a democracia”. “Aquí non caben ambaxes nin ambigüidades: ante aquelas formacións políticas que poñen en tea de xuízo os valores máis básicos da sociedade hai que dicir non e gañarlles nas urnas”.

“Aquí está”, proclamou finalmente Formoso, “o Partido Socialista de Galicia para propoñer un escenario totalmente distinto á sociedade galega”. Ese escenario pasa por “preservar eses valores que queren que preservemos e por que sexamos a forza política que se identifique máis coa sociedade galega, que nos necesita máis que nunca”. Así, amosouse convencido de que “con humildade e respecto ás tradicións galegas nos converteremos na formación política que máis atesoure a confianza da cidadanía galega”.