O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, presentou este sábado aos socialistas galegos como “a alternativa sensata e ilusionante” que necesita Galicia “fronte a un PP en fin de ciclo”. Sinala que “O PSdeG está chamado a liderar o cambio en Galicia” diante dun PP “enredado na historia interminable da sucesión de Feijóo”. Sinalou que “os socialistas somos a alternativa para reactivar Galicia de forma sensata pero contundente”, tal e como “estamos demostrando cada día coas nosas propostas e nos concellos nos que gobernamos”. Defendeu un proxecto “que sexa quen de estar á altura das circunstancias e das ansias dos galegos e das galegas que queren un goberno forte, que respecte as tradicións e revolucione este país con tranquilidade”.
Formoso presentou a alternativa socialista como “capaz de poñer o mellor que ten” e de facer valer “as potencialidades do país nun momento que necesita dunha Galicia activa, dinámica e que aspire a todo”. Presentou a un PSdeG que goberna ao 62 por cento da poboación galega, que preside as deputacións de A Coruña, Pontevedra e Lugo, así como as cidades de Vigo, Lugo, Santiago, Ferrol e 111 alcaldías en toda a comunidade.