Formoso pide á ministra Ribera “facer de Galicia unha referencia na produción de hidróxeno verde”


O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, pediu a colaboración da ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, “para facer de Galicia unha referencia na produción de hidróxeno verde”, aproveitando “o gran potencial” da comunidade, no que as enerxías renovables son predominantes. Ambos, reuníronse na sede da Deputación da Coruña, onde falaron sobre a “oportunidade de futuro” que a extensión do hidróxeno verde como fonte de enerxía suporá para reducir a factura enerxética das empresas e as familias galegas.

Formoso abordou tamén coa ministra a necesidade de que os Fondos de Transición se dediquen a paliar os efectos da descarbonización nas zonas especialmente afectadas en Galicia, dando prioridade aos colectivos máis afectados, coma os traballadores do transporte e das empresas auxiliares, así como na súa incorporación aos novos proxectos que se creen tanto nas Pontes como en Meirama.

Outro dos asuntos abordados na reunión de hoxe foi a Lei de Costas e a súa posible afectación ao sector conserveiro. “O Ministerio é consciente e coñece moi ben a importancia estratéxica do sector en Galicia e dá todas as garantías de que o regulamento non vai afectar ás instalacións produtivas actuais”, afirmou González Formoso, que sostivo que “é importante que se priorice o emprego na aplicación do regulamento, que afecta a 26.000 familias en Galicia, maioritariamente emprego feminino”.