O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, reclamoulle ao presidente do Partido Popular que deixe de “seguir amparando a incorporación de Vox á vida institucional española”, tal e como acontece ao bendicir ao pacto para o goberno autonómico de Castela e León.
“Ese é”, advertiu o líder socialista, “o gran reto de Alberto Núñez Feijoo”: evitar que unha formación de ultradereita “poida facer dano a nivel nacional e europeo”. Como exemplo dese “dano”, Valentín González Formoso aludiu ao que “acaba de facer a semana pasada da man do PP, votando en contra de que as mulleres poidan exercer libremente o seu dereito legal a abortar nunha clínica”.
Incidiu en que “se esa é a gran aposta do PP, estou convencido de que non vai coincidir coa maioría social deste país, que é unha maioría de progreso, e loxicamente seguirá confiando no Partido Socialista durante moitos anos”.
En paralelo, Formoso confrontou a actitude do Partido Popular de Feijoo coa defendida polo presidente do PP europeo, que denunciou ese amparo á ultradereita en España ao permitir que Vox se incorporase a un goberno por primeira vez na historia nunha institución a nivel europeo.