O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, chamou este sábado a rebelarse contra as decisións do goberno galego do PP que intentan, dixo, “rachar co principio de solidariedade” e deixar de lado aos que menos teñen. Referiuse ao recurso da Xunta contra o imposto ás grandes fortunas para acusar a Rueda de “equivocarse de país” por replicar en Galicia decisións pensadas para defender aos señoritos andaluces.
Na presentación das candidaturas da comarca de Bergantiños, en Coristanco, Formoso reivindicou os proxectos socialistas baseados na “igualdade de oportunidades, xustiza social, promoción do emprego e protección social”. Levando así o progreso onde gobernan, peor alerta de que “non podemos baixar a garda”, porque en fronte está un PP que “quere volver a unha Galicia en branco e negro de hai 50 anos, onde había que empeñar unha vaca ou levarlle os raxos ao médico” para ter atención sanitaria.
Deu unha importancia maior a estas eleccións municipais que non ve como “unha carreira electoral para colocar máis bandeiras vermellas ou azuis”, senón que son 313 oportunidades para seguir “construíndo o país”. Para acadar o maior número de concelleiros só ve unha fórmula, que é “o modelo de xestión onde somos a primeira referencia para a xente, a política máis próxima e real”.
Formoso emprazou aos seus candidatos a arremangarse seguindo o modelo de xestión nunha comarca onde ten “moitas esperanzas” depositadas para “rematar co caciquismo” que sofre. Insistiu en que a súa veciñanza precisa do mellor do PSdeG para progresar do mesmo xeito que o está facendo a Costa da Morte onde hai maioría de gobernos socialistas.
Formoso acudiu a apoiar, acompañado de Bernardo Fernández Piñeiro, secretario provincial da Coruña, aos candidatos á alcaldía de Laxe, Francisco Vidal, de Cabana, Juan Ramón Varela, de Malpica, Walter Pardo, da Laracha, Palomi Rodríguez, de Ponteceso, Lois García Carballido, de Carballo, Mari Carmen Vila, e o anfitrión de Coristanco, José Manuel Pérez Abelenda.