Formoso reafirma o compromiso do PSdeG coa lingua galega


O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, participou este martes, xunto con representantes do PSdeG, na manifestación convocada en Santiago por Queremos Galego co gallo do Día das Letras, e reclamoulle ao novo presidente da Xunta e ao conxunto do goberno galego que se impliquen na promoción, no coidado e no mimo da lingua galega, “esa expresión que nos fai un pobo distinto con identidade propia” e que debe ser “un elemento de unión e non de división”, matizou. En declaracións aos medios de comunicación, antes de tomar parte na manifestación convocada por Queremos Galego con motivo do Día das Letras Galegas, Formoso lamentou que a nosa lingua adolece aínda de “falta de espazo no ámbito educativo, no da mocidade ou no das novas tecnoloxías”. En calquera caso, Formoso sinalou que “imos darlle unha marxe”, pero “sen demasiada esperanza de que haxa un cambio de rumbo nese ámbito”. Nesta liña, lembrou que Alfonso Rueda “leva trece anos compartindo esa forma de entender o galego non como un instrumento de promoción da nosa identidade e cultura, senón como un elemento máis da administración”. “O goberno  da Xunta adolece do vicio de non crer no país”, advertiu.