Formoso urxe unha reunión con Feijóo para acordar medidas polo escenario provocado pola guerra de Ucraína

1 minutes read

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, vén de solicitarlle ao presidente da Xunta unha reunión urxente para acordar as medidas de apoio aos sectores máis afectados polo “escenario crítico que ten que afrontar o país”.

O líder dos socialistas galegos sinalou a necesidade de que “a sociedade perciba que o goberno se preocupa do seu país” e de poñer en marcha as medidas necesarias para afrontar unha crise “que se prevé que vai ser longa no tempo”. Trasladou a súa “preocupación” por que Feijóo estea ofrecendo unha “fotografía nas fallas de Valencia nunha carreira electoral á que se presenta en solitario” mentres “a flota de baixura queda sen apoio do goberno”.

González Formoso emprazou ademais a pechar acordos parlamentarios en “proxectos enerxéticos” para que o goberno galego “lidere a política enerxética” e impida que “fábricas como Megasa non teñan que estar paradas”. Ademais, propuxo triplicar as familias beneficiarias do bono social eléctrico para “como mínimo triplicar os beneficiarios, ata os 15.000, reducindo o limiar para acceder ás axudas”.