Fornelos de Montes mostra o seu rexeitamento á proposta de construción dun novo encoro na contorna por entender que non é a medida máis axeitada para afrontar os problemas de abastecemento de auga e por non ter en conta as necesidades e os prexuízos que suporía para o concello.
A portavoz municipal do BNG, Milagros Casal, manifestou o seu profundo malestar con esta proposta por non contar en ningún momento coa opinión de Fornelos de Montes, que está a ser un «convidado de pedra» no debate sobre a xestión da auga. Desde a fronte nacionalista valoran a medida como inadecuada cando aínda están por resolver os problemas na rede de distribución de Vigo e na ETAP do Casal.
Por estes motivos, o BNG de Fornelos de Montes levará ao próximo pleno unha moción en contra da construción dun novo encoro. Desde a fronte nacionalista piden o apoio do resto de grupos municipais (PSOE e PP), rectificando a posición defendida por ambas forzas políticas en outubro do 2021 cando rexeitaron unha moción similar do Bloque.
Desde o BNG de Fornelos de Montes chaman a participar da concentración convocada este vindeiro sábado 23 ás 20:30 horas na rotonda de Caritel contra unha nova presa na contorna.
