Forte aposta do goberno de Muxía por mellorar as infraestruturas e servizos municipais

1 minutes read
  • As obras serán levadas ao pleno do vindeiro venres, 5 de febreiro

O goberno local do Concello de Muxía proxecta un ambicioso segundo plan de obras para mellorar as infraestruturas do municipio, traballos que se sumarán aos xa executados nunha primeira batería e que comezaron o pasado ano. Estas actuacións contarán cunha partida orzamentaria de máis dun millón de euros.

A primeira parte dos proxectos serán presentados no pleno que se celebrará o próximo venres, 5 de febreiro. As obras responden a “necesidades básicas que me traslada a veciñanza”, destacou o rexedor, Iago Toba.

Executaranse traballos de mellora na área recreativa da “Fonte dos peidos”; na traída de auga municipal en Morpeguite e Añobres; nos camiños interiores de Morpeguite; no enganche de saneamento en Labexo e Os Muíños; nos parques infantís de Senande e Suxo ou nas pistas de Suxo, Gatarante, Calo, Senande, Trasufre, San Martiño, Merexo, Risamonde, Xanzón ou Castelos.

Estas intervencións estarán divididas en dúas partes, polo que durante a segunda quenda adecuarase a pista polideportiva de Quintáns, ampliarase o saneamento de Chorente e Ozón, e realizaranse melloras na área recreativa do Castro. Ademais, remodelarase o pavillón do polideportivo de Muxía; executarase a renovación da rede de traída de auga en Suxo e construirase un novo espazo para a gardería municipal.

Traballos a finalizar dentro do primeiro plan

Na localidade muxiá aínda están pendentes de finalizar varias obras como as melloras nas estradas de Bouzas a Santa Mariña, a mellora do acceso a Figueiras ou da estrada que une Chorente e Carrúa.