Camariñas | Forte aposta polas políticas sociais dentro duns orzamentos de case 5 millóns de euros

2 minutes read
  • O documento, que aumenta con respecto ao último aprobado en 2019, será sometido á votación do pleno o próximo luns, 28 de xuño

O goberno local de Camariñas levará ao pleno extraordinario deste luns, 28 de xuño, os orzamentos para este ano 2021 que ascenden a 4,9 millóns de euros. Facendo unha aposta polas políticas sociais e a reactivación económica, o documento, equilibrado en gastos e ingresos, conta cun total de 4.960.725,68 euros, aumentando en 49.395,04 euros con respecto ao último, aprobado no 2019.

Este ano o Concello fai unha forte aposta polas políticas sociais e a reactivación económica, destinando 749.740 euros a servicios sociais, incrementando a partida en 151.874 euros con respecto ao ano anterior. Principalmente refórzase o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), pero tamén se destina máis diñeiro á limpeza e salubridade públicas co «obxectivo de minimizar ao máximo o posible risco de contaxios por covid-19», destacan desde a Alcaldía. Así, establécese unha partida de 65.000 euros para estes gastos, un aumento moi importante tendo en conta que no 2019 tan só se dedicaron a estes servizos 4.000 euros.

Dótase tamén de orzamento á aportación municipal das axudas do programa PEL Reactiva da Deputación da Coruña, dirixidos aos locais afectados pola pandemia.

Séguese mantendo o orzamento destinado á Mostra do Encaixe co obxectivo de «continuar cos esforzos por situar Camariñas como destino turístico e de por en valor aquelo que nos diferencia e as nosas tradicións como pobo».

Investimentos
Destaca o proxecto de renovación da rede municipal de abastecemento de auga de Camariñas, a aportación municipal da obra para a reordenación da praza de San Xurxo ou o modificado da mellora de acondicionamento da rúa Nova, entre outros. A totalidade dos investimentos ascende a 347.33,66 euros, sen contar coas obras financiadas co Plan Único da Deputación. Ademais, as áreas de gasto correspondentes aos servizos públicos básicos ascenden a 1.960.806,04 euros, o que supón un 39,53 % do orzamento total.

A alcaldesa, Sandra Ínsua, amosouse confiada de «elaborar un orzamento dirixido principalmente ás persoas, que moitas viron agravadas as súas situacións particulares por culpa da pandemia».

Recoñecemento extraxudicial de crédito

No pleno do próximo luns o goberno local tamén levará para a súa aprobación unha proposta de recoñecemento extraxudicial de créditos por valor de 483.436,94 euros co obxectivo de facer fronte a facturas a provedores pendentes do ano 2020, ben por falta de crédito ou ben porque entraron no Rexistro no ano 2021.