- O evento quedou adiado de este luns para este martes, Día das Letras Galegas. Será na rúa Brañas e dará comezo ás 21.30 horas.
O concerto de Tanxugueiras en Vimianzo, programado para este luns, quedou aprazado para este martes, Día das Letras Galegas, debido ás condicións meteorolóxicas. Segundo sinalaron desde o goberno local, «os fortes refachos de vento rexistrados nas últimas horas do luns fixeron ao equipo técnico ter que baixar o palco, que xa se subirá durante a mañá, co conseguinte risco de desprendemento». De feito, un dos tensores do tráiler acabou rompendo.
«O primeiro é garantir a seguridade tanto das artistas como do público», avanzaba a alcaldesa, Mónica Rodríguez, quen insistía en que «ante a mínima posibilidade de que exista risco, por mínimo que sexa, temos que tomar unha difícil pero meditada decisión».
A actuación celebrarase ás 21.30 horas no mesmo lugar, na rúa Brañas.