Fotografía, teatro e música para celebrar o mes das Letras Galegas en Cabana

2 minutes read
  • A programación completarase cun campamento sobre a cultura urbana e un concurso de cancións inéditas en galego con máis de 2.000 euros en premios

Baixo o nome ‘O que se canta, o que se fala, o que se sinte no mes das Letras’, o Concello de Cabana contará en maio cun programa moi amplo de actividades culturais para celebrar o 17 dese mes o Día das Letras Galegas, que este ano se lle dedica á figura de Xela Arias.

O centro arqueolóxico do Dolmen de Dombate acollerá o primeiro evento dentro da programación. A partir do 3 de maio, o museo contará cunha exposición fotográfica da man de Santiago Garrido titulada ‘Cores da Terra’ que se poderá visitar durante todo o mes e que conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

O sábado 8 de maio, ás 17:00 horas, Silvia Losada impartirá un obradoiro de teatro poético-xuvenil sobre a obra de Xela Arias na Casa do Pendón. A través deste taller, destinado a mozas e mozos de entre 10 e 16 anos, a rapazada adentrarase no mundo da poesía da autora a través do xogo, a improvisación e a preparación corporal e vogal.

O día seguinte ás 12:00 horas, de novo en Dombate, celebrarase a presentación musical do libro ‘Xeometrías máxicas de Galicia’, coa participación de Bieito Romero e Irma Macías. A Deputación tamén coopera na organización desta cita, que se realizará ó aire libre.

A Casa do Pendón tamén acollerá o vindeiro 22 de maio unha sesión de contacontos de Pedro Brandariz con ‘As mulleres das Letras’ como tema central. A actividade comezará ás 18:00 horas e percorrerá a literatura galega mediante as figuras de cinco mulleres senlleiras: Rosalía de Castro, Francisca Herrera Garrido, María Mariño, María Victoria Moreno e, por suposto, Xela Arias.

Todas estas sesión celebraranse baixo protocolos sanitarios. O aforo está limitado e será necesario inscribirse previamente chamando ao departamento do Cultura de Cabana no 981 754 020.

Ademais deste ciclo de actividades programadas, o Concello complementará o mes das Letras Galegas coa organización dun campamento sobre a cultura urbana e un concurso de cancións inéditas en galego con máis de 2.000 euros en premios.