Frades | A Xunta volve a deixar desamparado o consultorio de Abellá

2 minutes read

O Pleno de Frades aprobou por unanimidade unha moción do PSOE, emendada polo Grupo de Goberno, en defensa da calidade da sanidade no municipio. Se inicialmente os socialistas instaban á Xunta de Galicia a mellorar a sanidade en Frades e a que o Concello solicitara unha reunión dos tres grupos municipais co conselleiro de Sanidade, o Grupo de Goberno do PP foi máis aló e incluíu dous novos puntos: Solicitarlle á Xunta de Galicia o traslado a outro centro de saúde da actual facultativa do consultorio de Abellá onde as súas circunstancias causen menos trastornos e Instar á Xunta de Galicia a que, de non ser posible o traslado, cubra as continuas baixas da facultativa.

O alcalde de Frades, Roberto Rey, fixo fincapé en que “gran parte do problema da sanidade en Frades xira en torno a esta facultativa e o seu dereito de poder prestar seis meses de servizo no Exército no momento que ela elixa”. Durante ese tempo, o consultorio de Abellá ten que ser atendido por médicos de substitución que envíe o Sergas ou, directamente, ten que pechar e derivar aos pacientes ao centro médico de Ponte Carreira. Unha situación que nestes momentos é especialmente delicada, pois coincide coa xubilación do médico de Ponte Carreira e a saída da súa praza a concurso neste mes de outubro.

“O problema é que, ademais de haber falta de médicos, ningún MIR quixo vir cubrir a xubilación de don Juan neste verán. E agora sae a praza en outubro. Unha praza que pensamos que pode ser atractiva pero que, coa situación desta profesional, temos medo de que non queira vir ninguén”, advertiu o concelleiro de Sanidade, Manuel Ferreiro. E é que a persoa que asuma a praza de Ponte Carreira tería que atender tamén aos pacientes da súa compañeira de Abellá cada vez que esta marche a Cádiz a prestar servizo no Exército.

Finalmente, o alcalde comprometeuse a solicitar esta semana unha reunión co conselleiro de Sanidade para que os tres grupos municipais poidan darlle conta da situación da sanidade no municipio e lembrou que na anterior xuntanza se acordou que neste mes de outubro se cubriría a praza de Ponte Carreira.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?