O Concello de Frades convoca a oitava edición da súa Carreira Pedestre Popular, que terá lugar na mañá do luns 1 de maio e que repartirá case 2.000 euros en premios. A proba, organizada polo Concello de Frades e a Federación Galega de Atletismo, terá saída e chegada na praza pública de Ponte Carreira e unha lonxitude de 8,6 quilómetros na súa categoría absoluta. Unha proba incluída no IX Circuíto de Carreiras da Deputación da Coruña.
As inscricións deberán realizarse a través da páxina web www.emesports.es. As anotacións nas probas escolares son totalmente gratuítas (é dicir, sub 6, sub 8, sub 10, sub 12, sub 14, sub 16 e sub 18) mentres que os demais atletas (sub 20, sub 23, senior e Master 1, 2, 3 e 4) deberán achegar 5 euros. O prazo de inscrición estará aberto ata as 23:59 horas do 27 de abril. Non se admitirán inscricións fóra dese prazo.