O Pleno Municipal de Frades aprobou na súa sesión ordinaria de novembro un suplemento de crédito de 98.084,68 euros con cargo a anulacións ou baixas de créditos doutras aplicacións e que será destinado principalmente a financiar o aumento de gasto en alumeado público e combustible. Unha proposta que foi aprobada cos votos a favor do Partido Popular e as abstencións de PSOE e BNG.
O alcalde de Frades, Roberto Rey, explicou que “hai que incrementar en 60.000 euros a partida inicial de 120.000 euros destinada a alumeado público debido ao aumento do prezo da luz e a pesar de que en Frades temos gran parte da nosa rede en tecnoloxía Led”. Ademais, aumentaron as partidas en combustible, en reparacións de maquinaria e apeiros e tamén a adicada a estradas e infraestructuras.
Estes 98.084,68 euros proceden de baixas doutras partidas, principalmente do adiamento ao exercicio 2023 da sinatura de dous convenios coa Xunta de Galicia para a reforma dos centros de saúde no municipio e a mellora da potabilizadora; así como das baixas na licitación de obras ao longo do ano.
Na sesión aprobouse por unanimidade a acta do pleno anterior e déronse conta dos decretos asinados nos últimos meses, toda vez que non houbo ningunha moción presentada polos grupos políticos municipais.