O cambio de día e hora das sesións plenarias e o reparto de competencias entre os distintos concelleiros do Grupo de Goberno foron as únicas novidades do Pleno de Organización do Concello de Frades con respecto ao mandato anterior. Así, o Concello mantén a periodicidade bimensual para as sesións ordinarias que terán lugar o último xoves de cada mes impar ás 12:30 horas (xaneiro, marzo, maio, xullo, setembro e novembro). No mandato anterior os plenos tiñan lugar ás 13:30 horas do último venres dos meses impares.
O pleno aprobou, cos 6 votos a favor do PP e as 5 abstencións de PSOE e BNG, reeditar as dúas dedicacións exclusivas do mandato anterior coa actualización correspondente ao IPC: unha de 42.161,12 euros brutos anuais en 14 pagas para o alcalde e outra de 26.877,76 euros brutos anuais en 14 pagas para o terceiro tenente de alcalde e concelleiro de Economía e Facenda, Ensino, Medio Rural, Sanidade, Limpeza Viaria, Parques, Xardíns e áreas recreativas, Iluminación e Aforo Enerxético: Manuel Ferreiro Marzoa.