Frades coloca unha pancarta esixíndolle á Xunta un médico para o consultorio de Abellá

1 minutes read

“Queremos médico/a en Abellá XA!”. Así reza a pancarta que o  Concello de Frades vén de colocar na fachada da casa consistorial en defensa da calidade da sanidade no municipio e para esixirlle á Xunta de Galicia unha inmediata solución aos problemas de falta de facultativos que sufre o concello. Unha decisión proposta polo alcalde, Roberto Rey Martínez, e acordada cos grupos municipais da oposición: PSOE e BNG.

Tal e como se comprometera na sesión plenaria do pasado 28 de setembro, Roberto Rey informou aos voceiros da oposición de que xa está solicitada a entrevista conxunta co conselleiro de Sanidade, se ben aínda non está fixada a data, así como que dende a Consellería confirmaron que a praza de médico vacante en Ponte Carreira pola xubilación do seu titular sairá a concurso a finais deste mes, xa que non foi posible incluíla na queda de mediados de outubro.

Este atraso, unido ao malestar veciñal xerado por unha nova estancia de servizos especiais no Exército da médica titular do consultorio de Abellá, a día de hoxe xa reincorporada no consultorio, motivou que o alcalde se puxera en contacto cos voceiros municipais “para propoñerlles a colocación desta pancarta na casa do concello para exteriorizar tamén o noso malestar pola situación do consultorio de Abellá. Somos conscientes de que a titular ten dereito a solicitar estas excedencias, pero esta situación está a prexudicar seriamente a atención sanitaria que reciben os veciños e veciñas da parroquia”.