O Concello de Frades vén de poñer en marcha un servizo gratuíto de préstamo de axudas técnicas para a mobilidade dirixido a persoas cunha discapacidade ou dependencia recoñecida e uns ingresos inferiores ao 150% do IPREM. Estas persoas poderán acceder de forma gratuíta a un catálogo inicial de produtos que inclúe: camas articuladas, cadeiras de rodas, andadores e guindastres para levantar ou pousar ás persoas.
O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, explica que “o obxectivo deste novo servizo é mellorar o benestar físico, persoal e social destas persoas que non dispoñen dos recursos económicos necesarios para acadar unha maior autonomía persoal. O que buscamos é facilitarlles un pouco o seu día a día tanto a elas como as persoas coidadoras”. Un servizo que se une ao de servizo de axuda no fogar, teleasistencia, podoloxía, fisioterapia, bono-taxi ou perruquería a domicilio que xa oferta o concello fradense.
Poderán acceder a este servizo aquelas persoas que padezan de limitacións funcionais graves ou que por motivos temporais teñan reducida a mobilidade (por ter, por exemplo, sufrido un accidente ou unha operación) e precisen de axudas técnicas para mellorar a súa capacidade funcional. Ademais de estar empadroada en Frades, a persoa non deberá ter acceso á prestación de axudas técnicas por ningún outro medio (como o SAF da Mancomunidade de Ordes) e a súa renda per cápita da unidade familiar non debe superar o 150% do IPREM.