Frades maniféstase contra o proxecto eólico Gasalla e anuncia alegacións

Cedida.

O equipo de Goberno do Concello de Frades maniféstase en contra do proxecto do parque eólico Gasalla, que pretende instalar 7 aeroxeneradores de 3,465 MW de potencia unitaria (24,255 MW de potencia total) nos concellos de Frades e Mesía. O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, anuncia que “presentaremos as alegacións oportunas para evitar as consecuencias irreparables que este proxecto traerá consigo”.

O Goberno de Frades tomou esta decisión diante da publicación no DOG do acordo do 6 de setembro de 2022, da Xefatura Territorial da Coruña, polo que se someten a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción, o estudo de impacto ambiental (EIA) e o proxecto de interese autonómico (PIA) do proxecto do parque eólico Gasalla, nos concellos de Frades e Mesía (expediente IN408A 2017/26).

O prazo para emitir alegacións/achegas/opinións será do 19 de setembro ao 31 de outubro de 2022. A documentación poderá consultarse na oficina técnica de Urbanismo do Concello de Frades os luns, mércores e venres, en horario de 10:00 a 14:00 horas. Os veciños e veciñas poderán presentar as alegacións ou observacións que estimen oportunas na propia oficina de Urbanismo de Frades.