Francisco Charlín Oróns xa é alcalde de Laxe. O rexedor foi escollido e tomou posesión no pleno extraordinario celebrado na xornada deste venres, 8 de marzo, no Salón de Plenos do Concello. Charlín, que terá dedicación exclusiva, asume o cargo tras a dimisión, o pasado 21 de febreiro, de José Luís Pérez Añón por motivos de saúde. El mesmo foi o encargado de entregarlle o bastón de mando na sesión.
O novo alcalde comprometeuse a continuar desenvolvendo iniciativas que beneficien a todas as persoas de Laxe e que contribúan “ao avance e progreso do noso municipio. O meu obxectivo é ser, en todo momento, útil para a nosa veciñanza. Os nosos veciños e veciñas serán sempre a prioridade e as súas preocupacións e necesidades o que guíen as actuacións e accións que levemos a cabo”.
Ademais, durante a sesión plenaria, tamén tomou posesión a edil do Partido Popular Begoña Gegúndez Allo, que pasa a asumir as concellerías de Deportes e Pesca, ata o momento ocupadas por Charlín.
Nova composición do goberno:
Tras a celebración do pleno e a aprobación do novo alcalde e a nova edil, os concelleiros delegados quedan asignados do seguinte xeito:
- Concellería delegada de Deporte e Pesca: Begoña Gegúndez Allo
- Concellaría delegada de Comercio, Hostalaría, Turismo e Cultura: Raquel Lema Allo
- Concellaría delegada de Servizos Sociais, Emprego e Igualdade: Sandra Mouzo Pose
- Concellaría delegada de Xuventude, Festas e Medio Ambiente: Daniel Mata Martínez
- Concellaría delegada de Persoal, Obras, Servizos e Praias: Eulogio Constantino Castiñeira