O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou este mércores en Ponteceso nunha xornada informativa organizada en colaboración coa Asociación de Talleres de Carpintería de Madeira de Bergantiños e A Costa da Morte (Atacarma). No encontro, celebrado na Fundación Eduardo Pondal, Conde puxo en valor o peso da industria forestal na comarca, sinalando que un de cada tres profesionais do sector forestal en Galicia traballa na provincia da Coruña, que suma tamén un terzo das cortas de madeira totais do 2018.
O conselleiro, que tivo a oportunidade de escoitar as propostas e inquedanzas dos empresarios e autónomos participantes na xuntanza, sinalou que a industria forestal é clave para potenciar a Galicia máis verde, fomentando a sustentabilidade como modelo de diferenciación e competitividade.
No encontro celebrado en Ponteceso tamén se achegou información sobre as diferentes axudas en ámbitos como a eficiencia enerxética ou os investimentos empresariais.