Francisco Conde realizou unha visita a TMC Cancela en Tordoia

Xunta de Galicia.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, realizou este martes unha visita á empresa TMC Cancela, especializada en maquinaria agrícola e forestal, da que destacou que sexa un exemplo de industrialización do rural galego. A compañía, sita en Tordoia, conta cunha capacidade de produción que supera as 2.000 unidades ao ano.

Conde eloxiou o compromiso da empresa por desenvolver estratexias de crecemento e de diversificación de mercados na procura dunha maior proxección internacional; unha estratexia supeditada á adopción de fórmulas baseadas na innovación e no modelo 4.0.

O titular de Economía, Emprego e Industria salientou a necesidade do tecido empresarial galego de adoptar este tipo de fórmulas para asegurar a súa competitividade nos mercados globais e o fortalecemento dos novos talentos galegos. Deste modo, o conselleiro chamou a investir en innovación e en formación como eixos de desenvolvemento, ofrecendo un produto diferenciado e contando con profesionais máis cualificados.

Neste eido, Conde destacou o compromiso da Xunta por blindar as competencias dixitais do tecido empresarial, que inclúe unha liña específica de axudas á dixitalización dotada con 2,2 millóns de euros, e que beneficiará a 112 empresas mediante o impulso á interconexión dixital, á adquisición de material, e á colaboración con grupos de traballo especializados en I+D+i. Prevese que estas axudas mobilizarán preto de 5,5 millóns de euros.