Francisco Conde reuniuse co alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, para traballar por Meirama


O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo un encontro co alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, ao que emprazou a traballar conxuntamente coa Xunta para solicitar a máxima implicación do Goberno central e de Naturgy na busca dunha alternativa industrial para a central de Meirama. Unha solución que debe garantir o mantemento da actividade económica e o emprego.

A Administración autonómica vai seguir insistindo na defensa dos postos de traballo e a actividade industrial nesta comarca, afectada polo peche da central térmica de Meirama que o Goberno autorizou no marco dunha transición enerxética que a Xunta considera precipitada e inxusta.

Neste contexto, o vicepresidente económico sinalou que Galicia está á espera de que o Executivo central a convoque para formar parte do Acordo de Transición Xusta que xa ten asinado tanto coas empresas –Naturgy, no caso de Meirama; e Endesa, nas Pontes– como cos sindicatos. Segundo dixo, é necesario actuar de forma coordinada para identificar solucións industriais para os territorios afectados polo peche de centrais térmicas.

Na xuntanza co alcalde de Cerceda, Conde lembrou, tamén, que a Xunta solicitou que a concesión de nós de rede nestas zonas por parte da Administración central sirva para incentivar proxectos e blindar o emprego. Calquera actuación, engadiu, debe contribuír a mitigar os efectos económicos e sociais, centrándose nas áreas afectadas e tendo en conta os traballadores e o desenvolvemento industrial destes concellos.

A Xunta defende que a empresa debe contar cun plan industrial no que se implique con Meirama e ofreza propostas que contribúan a unha transición xusta nesta comarca, pois entende que non pode faltar ao seu compromiso con Cerceda nin con Galicia.