Francisco Conde visitou este venres Ponteceso e Razo

1 minutes read

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, visitou este venres en Ponteceso a sede da Fundación Eduardo Pondal, onde, na compaña do alcalde da vila Lois García Carballido, destacou o traballo desta entidade no impulso ás vocacións científicas nos máis novos. Francisco Conde, tamén visitou ao Raz Surf Camp de Razo, o primeiro campamento de surf en Europa, por ter sido un dos beneficiarios das axudas de Galicia Exporta Dixital.

Durante a visita a Ponteceso, Esther Suárez, unha das alumnas das Aulas Científicas Isidro Parga Pondal, que, xunto con Diego Castro, representará a España no Stockholm Junior Water Prize que se celebrará en Suecia a finais deste mes, presentoulle o proxecto co que van participar no coñecido como o Nobel Júnior da Auga. Nunca choveu que non escampara busca previr os efectos colaterais das inundacións. Aborda o deseño e construción dun dispositivo que permite controlar o nivel do río en diferentes puntos; e a partir das variacións e os datos recollidos créase un algoritmo que predí e anticipa unha crecida ou desbordamento da conca.

As Aulas Científicas Isidro Parga Pondal son unha iniciativa pioneira da Fundación Eduardo Pondal, en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (Gain) dependente da Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación, que busca introducir á mocidade na investigación e espertar o seu interese pola ciencia e a tecnoloxía.

Na sede da Fundación Eduardo Pondal, Francisco Conde tamén coñeceu as diferentes actividades que se realizan na Escola de Verán, na que participan máis de 260 estudantes e que celebra a súa 40ª edición con horto ecolóxico, contacontos, radio, saberes de mulleres, visitas e actividades científicas, entre outros.