Friol acolle un curso de iniciación e mellora da gandaría de vacún de carne

1 minutes read

Organizado pola oficina agraria comarcal da localidade, a acción impartirase ata o vindeiro venres 23 de xullo no Centro colaborativo de Friol, cunha duración de 25 horas lectivas entre sesións teóricas e prácticas. En concreto, analizarase a situación actual do sector, as razas de vacún de carne, a alimentación destes animais e a súa reprodución, así como conceptos básicos arredor da comercialización, da sanidade e do manexo ou sobre a implantación e fertilización de prados, entre outros.

Ademais, como peche da formación, os alumnos realizarán unha visita a unha gandaría próxima ás aulas onde se fará a práctica final, na que se porán en práctica todos os coñecementos adquiridos ao longo do curso.

A xornada está orientada a todos aqueles agricultores en activo ou persoas con solicitude de incorporación á actividade agraria interesadas nesta formación, así como a persoas en idade laboral ou menores de 60 anos con expectativas de incorporación ao sector primario.