Furtos e estafas representan máis da metade dos delitos cometidos en Galicia neste ano


O Balance de Criminalidade do segundo trimestre do ano apunta a que furtos e estafas, con especial atención ás de tipo telemático, xa representan en Galicia máis do 50% do total de delitos cometidos. Desde a Delegación do Goberno en Galicia apélase á prevención individual e ás unidades especializadas dos corpos policiais como principais medidas contra esta delincuencia, que sobe entre ambas un 38% respecto ao pasado ano, tal e como recolle a estatística oficial do Ministerio do Interior.

Os datos advirten que entre xaneiro e xuño deste ano coñecéronse en Galicia 9.150 furtos e 16.011 estafas, das que 11.788 foron cometidas a través de medios telémáticos. O peso desta tipoloxía penal no cómputo da criminalidade en Galicia segue sendo elevado e fai que un de cada catro delitos coñecidos en Galicia sexa unha estafa informática.

Da análise dos datos tamén chama a atención o aumento dos delitos de seguridade viaria. Neste caso subiron un 30,6% respecto ao ano pasado. Unha gran parte dos 2.306 delitos á lexislación viaria rexistrados en Galicia foron relacionados co consumo de alcol e drogas, tal e como advertiu a Comisión Autonómica de Seguridade Viaria na súa última reunión celebrada na Delegación do Goberno.

Balance do primeiro trimestre

Segundo os datos do Ministerio do Interior, a taxa de criminalidade alcanzada na Comunidade galega en xuño foi de 36,7 delitos por cada mil habitantes, case dez puntos por baixo da media española. Canto ás provincias, A Coruña rexistrou 40,6 infraccións penais por cada mil habitantes; Pontevedra rexistrou 37,5; Lugo, 26,3 e Ourense sumou 31 delitos por cada 1.000 habitantes.

Respecto da totalidade de infraccións penais rexistradas, a estatística do Ministerio do Interior contabilizou entre xaneiro e xuño en Galicia 49.910 delitos, 10.711 máis que o mesmo semestre do ano anterior.