Galardoados os emprendedores máis novos do Pazo de Arenaza

1 minutes read

Esmas Smart S.L., un dos proxectos emprendedores con sede no Centro de Coworking do Pazo de Arenaza, recibiu o premio ao Mellor Proxecto Emprendedor nos VII Premios Galicia de Enerxía que outorga a Asociación de Enxeñeiros Industriais de Galicia coa colaboración do Ilustre Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia.

Este premio vén a recoñecer a labor de David Adrián Rodríguez e Joaquín Esteban, os dous coworkers máis novos do Pazo de Arenaza, que crearon un proxecto empresarial enfocado á domótica no Fogar. Os premios serán entregados nunha gala que se celebrará en Ferrol e que reunirá a un gran número de profesionais e empresarios do sector, ademáis de reprsentantes políticos locais e autonómicos.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, felicitou aos emprendedores polo galardón e animounos a seguir desenvolvendo o seu proxecto. «É unha satisfacción ver cómo os proxectos que comezaron a xestarse en Arenaza van crecendo e consolidándose», afirmou.

Centro piloto da Rede Provincial de Coworking

O Pazo oleirense é o centro piloto da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo que impulsa a Deputación en Ames, Brión, Boiro, Carballo, Oleiros e Moeche, centros pioneiros polo seu carácter sectorial, pois están adaptados ás necesidades específicas dos sectores produtivos ou profesionais con maior demanda e potencial de cada comarca.

No caso do centro de Oleiros, a maioría dos 18 proxectos empresariais que alberga céntranse nos campos da arquitectura, urbanismo, enerxías renovables ou interiorismo.