O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asisitiu no serán de hoxe á entrega da Beca PXP19 a Jorge Cagiao e Amelia María Blanco como mellor piloto e copiloto júnior, menores de 26 anos, tras participar no campionato de Galicia 2018 e no Volante FGA-PXP. Esta beca é posible grazas á Federación Galega de Automobilismo e ao apoio do Grupo Recalvi, Pirelli e Staroil e consiste na participación nas nove probas do Campionato Galego de Rallyes de Asfalto cun vehículo Renault Clio do Grupo N5 a estrear, baixo o nome do Recalvi Team.
O máximo responsable do Deporte galego agradeceu á federación e ao Grupo Recalvi a súa aposta polo deporte de base e enxalzou a traxectoria do grupo empresarial vigués que “hoxe é un importante grupo no sector do automóbil, non só a nivel local ou autonómico, senón tamén a nivel nacional e internacional”. “O deporte galego tamén é coñecido hoxe en todo o mundo”, engadiu.

Como conclusión, Lete Lasa agradeceu ao Grupo Recalvi “tantos anos dedicados ao deporte galego” e a importancia de “ensinarlle ao sector privado que ser mecenas do deporte de Galicia é unha estratexia inmellorable para medrar como empresa”.