A Fundación Civio vén de poñer cifras á situación xeral que se vive nas áreas sanitarias galegas, grazas á publicación dunha completa investigación que parte da información actualizada do número diario de pacientes atendidos nos centros de sáude de todo o Estado. Os datos foron obtidos nos últimos meses a través da Lei de Transparencia, que obriga ás administracións a facer públicas informacións de interese xeral sobre os seus ámbitos de xestión.
Neste caso, requiriuse ás distintas comunidades autónomas o número medio de pacientes vistos a diario por cada profesional de medicina de familia, pediatría e enfermería en cada centro de saúde, co obxectivo de “coñecer cal é a saturación da atención primaria da forma máis detallada e próxima”. Galicia, ao igual que Andalucía, Castela-A Mancha, C. Valenciana e País Vasco, só entregou unha información parcial e non proporcionou os datos específicos de cada centro de saúde, como se lle requiría. Xa o pasado ano a Xunta fora unha das administracións -xunto con Cataluña, Asturias e Cantabria- que se negou a achegar as cifras xerais sobre a súa presión asistencial. Non é a primeira vez que a Xunta e, en concreto, o Sergas limita o acceso á información sobre a xestión sanitaria.
Os datos amosan que case todas as áreas sanitarias galegas se sitúan entre as zonas do Estado cunha maior presión asistencial, nunha situación que comparten coa maior parte de Andalucía e, nalgúns casos, con áreas de saúde da Comunidade Valenciana ou Cantabria. Este elevado número de doentes atendidos diariamente por cada profesional sanitario contrasta con cupos de pacientes que si se sitúan na media.
Os e as médicas de familia galegas atenden cada día, de media, entre 35 e 40 pacientes, mentres que os e as pediatras de Atención Primaria ven entre 25 e 32 nenos e nenas e as enfermeiras e enfermeiros dos centros de saúde teñen axendas diarias de entre 19 e 29 doentes.
Por exemplo, no que atinxe ao número de pacientes que atenden a diario as e os médicos de familia, as áreas sanitarias de Pontevedra e Vigo atópanse entre as dez máis saturadas do Estado (a falta de coñecer os datos de Asturias), nunha lista que encabeza a área de Elx-Crevillent, en Alacante. Pero, ademais, as outras cinco áreas sanitarias galegas tamén aparecen entre as 50 primeiras, dun total de 155 con información, con Lugo no posto 18, Santiago no 22 e Ferrol no 26.
Máis preocupante é a situación en Pediatría, ámbito no que 4 das 7 áreas sanitarias galegas aparecen entre as dez máis saturadas de todo o Estado. Lugo, con case 32 nenos e nenas diarios por pediatra, é a terceira, mentres que Santiago, Vigo e Ourense roldan as 30 crianzas atendidas a diario. Tan só a área de Reinosa e a Jaen Sur rexistran unha presión asistencial superior á da área sanitaria lucense. Pontevedra, A Coruña e Ferrol presentan datos mellores, pero tamén se sitúan entre as 50 primeiras, dun total de 152.