Galicia abrirá en Porto un restaurante 8 Estrelas Michelin e 20 Soles Repsol

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o presidente de Nove, Miguel Ángel Campos, asinaron este luns un convenio de colaboración para promover Galicia como destino enogastronómico. O acordo permitirá, entre outras actuacións, que Galicia abra en Porto un restaurante 8 Estrelas Michelin e 20 Soles Repsol co obxectivo de promover a excelencia da nosa cociña.

O establecemento será atendido por todos os chefs de Nove, que unirán o seu talento do 24 de outubro ao 17 de novembro neste local efémero situado no Hotel Carrís Porto Ribeira, con servizo de ceas de martes a domingo. Como salientou o titular de Cultura e Turismo da Xunta, o restaurante “funcionará como embaixador da nosa cultura e gastronomía ofrecendo unha imaxe de calidade que os viaxeiros poden atopar na nosa Comunidade”.

Ademais do presidente de Nove, o acto de sinatura contou coa presenza dos chefs Xosé Cannas, Manuel Costiñas, Yayo Daporta, Lucía Freitas, Juan Crujeiras, Roberto Filgueira, Javier Rodríguez Taky e Álvaro Villasante, así como da directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro. Precisamente, o obxectivo deste restaurante efémero será recrear a esencia de Nove ofrecendo un menú degustación elaborado polos 22 chefs do grupo na cidade de Porto, coa finalidade de exportar a alta cociña galega máis alá das nosas fronteiras.

Así mesmo, o titular de Cultura e Turismo destacou a “profesionalidade e o bo facer” dos chefs de Nove e puntualizou que esta acción “favorecerá a internacionalización da nosa oferta enogastronómica nun mercado de gran potencial”, contribuíndo así a desestacionalizar a actividade turística fóra da tempada estival, atraendo viaxeiros “durante os doce meses do ano”.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha