Galicia acorda co Ministerio ampliar o marco lexislativo para mellorar a carreira docente

2 minutes read

Galicia acorda co Ministerio de Educación ampliar o marco lexislativo para abrir un debate que permita identificar as necesidades dos docentes ao longo da súa carreira profesional. Así o consensuaron o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e a ministra de Educación y FP, Pilar Alegría, nunha xuntanza de traballo en Santiago de Compostela.

O Goberno galego ofrece como base de traballo ao Goberno central o estudo para a mellora das competencias profesionais docentes que concluíu en 2018 coas achegas do grupo de traballo constituído para tal fin en 2017 entre a Consellería de Cultura, Educación e Universidade, as facultades de Ciencias da Educación das tres universidades galegas e a rede de formación do profesorado.

O documento – que no seu día tamén se deu a coñecer á Conferencia de Decanos de Educación de España e recentemente foi compartido co resto das CCAA na Comisión General de Educación – establece un Marco de Competencias Profesionais Docentes en Galicia, no que se definen as competencias e habilidades básicas e necesarias que debe adquirir todo profesor tanto na súa formación inicial como ao longo da súa carreira.

Ambas as partes coincidiron na necesidade de converter a profesión docente nunha carreira atractiva para que os mellores candidatos desexen exercela, fortalecendo a imaxe social do profesorado e incentivando a vocación e o compromiso. Para iso, é preciso determinar a nivel estatal un perfil de competencias do profesorado sólido que facilite tanto os procesos de selección como os de formación. Este perfil debería ser o resultado do acordo dos expertos e cos distintos axentes da comunidade educativa, como o foi o estudo galego.

Este marco común deberá abranguer as tres efes: a formación inicial dos futuros profesionais desde as facultades, a formación para o acceso á docencia e a formación continua do profesorado, encamiñada á actualización e á adaptación dos coñecementos, actitudes e habilidades, aos cambios e avances da sociedade.

Así mesmo, a nova normativa deberá promover o desenvolvemento de contornos compartidos de reflexión e aprendizaxe, de modo que se estimule a posta en común de estratexias de aprendizaxe para mellorar a práctica docente e establecer un sistema de avaliación do desempeño que sirva para orientar a formación permanente do profesorado. Tamén establecer un Estatuto da función docente que dote ao profesorado dun marco no que se recollan os seus dereitos e deberes, se senten as bases estables para o exercicio da profesión docente e se estableza unha carreira profesional.