Galicia adiantarase á meta europea en programas de cribado de cancro de mama, colon e cérvix


Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, en Bruxelas, onde participou no Consello de Ministros da Unión Europea, representando ás comunidades autónomas españolas no apoio á revisión da Recomendación europea sobre programas de cribado.

Tal e como remarcou, o Plan europeo de loita contra o cancro, aprobado o pasado ano, marca como obxectivo que os cribados de mama, colon e cérvix cheguen ao 90% da poboación obxectivo en 2025. “En Galicia iso xa ocorre con mama e colon, e sucederá co de cérvix no vindeiro ano”.

Este novo Plan europeo de loita contra o cancro contempla a ampliación do rango de idade da poboación á que se invita a participar nestes cribados, e abre a porta a desenvolver programas de detección precoz en cáncros como os de pulmón ou próstata, e, Galicia, -sinalou o conselleiro-, “está totalmente en liña con estas formulacións”. Ao respecto, “a nosa comunidade acaba de presentar unha Estratexia galega para a xestión do cancro, que se aliña con ese Plan Europeo e que recolle explicitamente a posibilidade de desenvolver programas de detección precoz deses cancros en grupos de risco”.

Cremos, -incidiu Comesaña-, “que a aprobación desta nova recomendación europea nos vai dar un pulo para o traballo que estamos a facer dende a Xunta en extender os programas de cribado e aumentar a participación”.