Galicia aposta por consolidarse como referente europeo en biotecnoloxía

1 minutes read

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, salientou na recepción institucional do foro da industria biotecnolóxica Galicia Biodays, que a comunidade aposta desde a colaboración público-privada por consolidarse como referente europeo en biotecnoloxía. Neste sentido, lembrou que Galicia é a segunda autonomía máis bioemprendedora de España, con 4000 empregos directos nesta industria.

Para seguir avanzando neste eido, está en marcha a Estratexia de consolidación do sector biotecnolóxico en Galicia, que duplica o seu presuposto ata os 430 millóns de euros de fondos públicos de cara ao 2025 para apoiar o traballo conxunto con esta industria. Un ecosistema do que forman parte as tres universidades galegas; dous campus e cinco centros de excelencia internacional; tres institutos de investigación biomédica; dous consorcios europeos de infraestruturas de investigación e seis clústeres empresariais relacionados coa biotecnoloxía, ademais do tecido empresarial. O vicepresidente económico da Xunta destacou que o talento e o traballo deste ecosistema son os puntos fortes de Galicia como biorrexión, que conta con grandes multinacionais como Janssen e Lilly, que colaboran coa Fundación Kaertor; Zendal; Lonza, e máis recentemente Indukern, coa futura planta que porá en marcha en Monforte de Lemos.