Galicia aproveitará a oportunidade dos fondos europeos para modernizar os servizos sociais

PIXABAY

A conselleira de Política Social, Fabiola García, afirmou que Galicia aproveitará a “oportunidade histórica” dos fondos europeos para modernizar os servizos sociais durante a súa intervención na mesa redonda ‘El futuro de las políticas sociales’ no IV encontro Economía Sénior celebrado en Madrid. Neste sentido, apuntou que para responder aos retos do envellecemento do século XXI, será preciso apostar decididamente pola innovación.

Na mesa tamén participaron a conselleira de Igualdad, Justicia y Políticas sociales do Goberno Vasco, Beatriz Artolazábal, e a conselleira de Derechos Sociales do Goberno de Navarra, María Carmen Maeztu.

Fabiola García lembrou o novo modelo de coidados pasa necesariamente por facer unha aposta polas melloras tecnolóxicas, como xa se está a realizar na residencia pública autonómica da Estrada, pola coordinación entre o ámbito social e sanitario, por melloras estruturais para que estes centros se parezan cada vez máis ás casas das persoas maiores e, todo isto, sen perder de vista a humanización destes centros.

Así mesmo, sinalou que os servizos sociais deben atender a cada circunstancia e particularidade que presente a persoa maior para garantir deste xeito que manteñen en todo momento a súa capacidade de decisión. Fabiola García apuntou que as administracións públicas deben poñer á súa disposición que lles permitan manter un envellecemento activo coa seguridade de que, en caso de necesitalo, terán a súa disposición coidados profesionais vivan onde vivan.