Galicia asume o compromiso europeo de reducir as emisións e avanzar cara unha comunidade verde e resiliente

1 minutes read

Galicia asume o compromiso europeo de reducir as emisións de gases nun 57% en 2030 e avanzar cara a unha Comunidade neutra, verde e resiliente, tal e como destacou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a clausura da xornada Balance e perspectivas de futuro do Pacto das alcaldías para o clima e a enerxía de Galicia.

Durante este encontro, no que participaron preto de 200 representantes municipais, Ángeles Vázquez valorou o compromiso dos concellos para implementar medidas correctas e eficaces para afrontar o reto que supón o cambio climático. “Temos que cumprir cuns obxectivos aínda máis ambiciosos para acelerar a transición enerxética e evitar que a temperatura media incremente en máis de 1,5 graos en 2050”, aseverou a conselleira.

Nesa liña, resaltou que desde que no ano 2018 a Xunta puxo en marcha a Oficina Técnica de Asistencia a Concellos 263 municipios adheríronse a esta iniciativa pasando dos 22 iniciais aos 285 da actualidade. Ademais, o 87% desas localidades xa deseñaron un Plan de Acción polo Clima e a Enerxía Sostible (PACES), “unha folla de roteiro indispensable” para mellorar a eficiencia enerxética, utilizar fontes de enerxía renovables, aumentar a resiliencia e reducir as emisións de CO2.