A Axenda da Economía Azul Sustentable de Galicia, impulsada pola Xunta, acaba de concluír a súa primeira fase de diagnóstico tras dúas semanas de reunións cos profesionais que conforman os grupos de traballo relacionados cos sectores azuis da economía galega. Neste sentido, os profesionais pertencen a diferentes empresas, universidades, administracións públicas, fundacións e organizacións e contribuíron á identificación de retos e propostas de accións para xestionar os desafíos que eles mesmos definiron.
O obxectivo deste labor conxunto é colaborar para incrementar a saúde e o benestar dos cidadáns e das empresas, así como o emprego de calidade aproveitando as oportunidades económicas que propicie o desenvolvemento tecnolóxico no eido da economía azul.
Neste sentido, os grupos de traballo analizaron os ámbitos social, económico e ambiental de once sectores como son o da pesca e marisqueo; a acuicultura; a industria transformadora; a biotecnoloxía; as enerxías; o ámbito portuario e loxístico; o naval; o turismo e patrimonio; a I+D+i; o talento e o emprego; e a vixilancia, seguridade marítima e contaminación mariña.