- As reunións entre non conviventes quedan prohibidas nos domicilios
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou este mércores as novas medidas de desescalada acordadas polo comité clínico de expertos sanitarios. A mellora da situación epidemiolóxica de Galicia, que este mércores conta con 2.658 positivos, permite continuar co plan de desescalada que se iniciará a partir das 00:00 deste venres 19 de marzo, coincidindo coa ponte de San Xosé. Aínda así, as medidas serán revisadas de novo antes de Semana Santa.
Seguindo as obrigas e recomendacións acordadas a nivel estatal no Consello Interterterritorial de Saúde, Feijóo salientou que Galicia continuará pechada perimetralmente, de tal xeito que só se permitirá entrar e saír da comunidade nas excepcións establecidas.
Entre as medidas acordadas polo comité clínico autonómico atópanse a ampliación do horario de peche de bares e restaurantes ata as 21:00 horas, e a prohibición de reunión entre conviventes nos domicilios. Esta última medida afecta a toda a Comunidade.
4 niveis de restricións
Nivel 1. Aquí atópanse as localidades cunha IA a 14 días por riba de 500 casos. A hostalaría seguirá pechada, non poderá haber reunións de non conviventes en ningún ámbito; e, salvo excepcións xustificadas, non se permitirá a mobilidade fóra destes concellos. Agora mesmo neste nivel só se atopan tres concellos: Vilardevós, Paradela e Maside.
Nivel 2. Neste atópanse os concellos cunha IA a 14 días de entre 250 e 500 casos, como é o caso de Sobrado, Boborás, A Mezquita, Pontecesures, Neda e Arteixo. A hostalería só pode abrir terrazas cun 50% de aforo, aínda que poderá pechar ás 21 horas.
Nivel 3. Aquí sitúanse os concellos cunha incidencia a 14 días entre 150 e 250. En total destacan 14 municipios: Boimorto, A Coruña, Culleredo, Mugardos, Ponteceso, Valdoviño, Bergondo, Laxe, Chantada, Guitiriz, Pantón, Sober, Soutomaior e Coles. Bares e restaurantes poderán ter un aforo do 30% no interior, do 50% en terrazas e tamén poderán pechar ás 21:00 horas.
Nivel 4. Neste último nivel atópanse 290 concellos nos que a incidencia é inferior a 150 casos por 100.000 habitantes, nos últimos 14 días. Amplíase o aforo da hostalería ata o 50% no interior; nas terrazas sube ao 75% e, coma nos anteriores niveis, o horario límite de peche pasa ás 21 horas.
Así mesmo, Feijóo asegurou que as «instalacións deportivas, centros culturais ou lugares de culto” contarán cun aforo máximo do 50%.
O toque de queda permanecerá nas 22 horas e as reunións estarán limitadas a seis persoas no exterior e a catro no interior, estando prohibidas as reunións de non conviventes nos domicilios.
“Temos que seguir actuando con sentidiño, dando pasos adiante na apertura de xeito gradual, prudente e comedido”, dixo o presidente da Xunta, coa previsión de analizar de novo a situación a finais de mes para, á vista da evolución da pandemia, seguir adoptando decisións.