O Goberno de España, a través do Ministerio de Sanidade, vén de conceder a Cruz Sinxela da Orde Civil de Sanidade ao departamento sanitario galego pola coordinación da campaña da vacinación fronte á covid, como consecuencia do seu intenso e encomiable traballo que conseguiu que España sexa o país da nosa contorna con maiores taxas de vacinación.
O Goberno de España entregará o vindeiro día 7 de abril, con motivo do Día Mundial da Saúde, as distincións concedidas a organizacións, entidades e particulares polo seu labor no ámbito sanitario que, nesta edición, recoñece especialmente o esforzo conxunto na Campaña de Vacinación contra a covid e que sitúa a España como referente a nivel internacional.
Na actualidade, Galicia, cun total de 6.621.226 vacinas contra a covid administradas, conta con máis do 95% de persoas vacinadas con pauta completa, o que a sitúa nos primeiros postos do Estado.