Galicia contará a partir de 2023 cun dispositivo público de loita contra incendios

1 minutes read

O conselleiro do Medio Rural, José González, anunciou no Parlamento que, a partir do ano 2023, dous terzos dos compoñentes do Servizo de prevención e extinción de incendios forestais da Xunta traballarán todo o ano, xa que todos os postos de traballo de nove meses vanse pasar a doce meses. Así mesmo, indicou que está en marcha un proceso de funcionarización para que moitos deles poidan adquirir a condición de funcionario. Unhas novas que trasladou no marco da súa comparecencia, a petición propia, para dar conta do balance da campaña de incendios de 2022 e informar dun paquete de 20 medidas para facer fronte a esta lacra.  

Estas melloras estruturais veñen a complementar a levada a cabo entre 2017 e 2020, onde se incrementou de forma progresiva o tempo de traballo do persoal de tres meses ata os seis meses actuais de contratación. Unha medida, asegurou José González, que supuxo duplicar os custos laborais deste persoal, pasando de menos de sete millóns de euros a máis de 14 millóns .

Ademais, tamén se duplicarán as brigadas helitransportadas públicas da Xunta, creando tres novas brigadas públicas que se sumarán ás xa existentes nas bases de Marroxo, Campiño e Vilarmaior. Unha aposta decidida, reiterou o conselleiro, por un dispositivo público que cada ano evidencia a súa profesionalidade e rigoroso traballo a prol dos montes galegos.

Do mesmo xeito, crearase un novo grupo formado por profesionais especializados para a loita contra os lumes máis virulentos.