Galicia contará cunha guía propia de atención á endometriose


O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou no Parlamento de Galicia, a elaboración dunha guía propia para a atención á Endometriose, no transcurso da actual lexislatura. Subliñou que o Servizo Galego de Saúde vén de acadar o obxectivo fixado de contar con consultas específicas para a Endometriose en todas as súas áreas sanitarias, tras poñer en marcha a sétima unidade na área de Pontevedra e O Salnés. “Estas consultas permiten que os profesionais da atención primaria poidan derivar ás pacientes a consultas específicas sobre esta doenza”, e por tanto, “contar cun diagnóstico no menor tempo posible”, apuntou o conselleiro. O responsable da carteira sanitaria enumerou os avances que se levan implementado na abordaxe da endometriose, destacando a ampla dotación de recursos que se levou a cabo nos últimos anos, e que permitirá incrementar a capacidade de diagnóstico do Sergas.