O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, valorou que o Consello da Xunta dese luz verde ao inicio dos trámites para a elaboración da futura Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia. “A nosa comunidade será pioneira no impulso dunha cultura sen barreira”, enfatizou. Precisou que o primeiro paso, autorizado, foi a apertura de consulta pública previa, que ten por obxecto recoller a opinión da cidadanía, organizacións e asociacións antes da elaboración dun proxecto normativo.
Esta é unha lei pioneira en España e no resto de Europa, xa que a maioría das normas aprobadas en materia de accesibilidade e inclusión non teñen rango de lei e están orientadas desde unha perspectiva eminentemente social. Así, no ámbito específico da cultura, a Xunta de Galicia considerou oportuno e necesario deseñar unha norma e elevala a rango de lei que se centre en impulsar a participación activa de todo tipo de persoas e colectivos nas manifestacións culturais, ao tempo que se favorece o seu acceso sen ningún tipo de barreira.