Galicia contará cunha nova Lei de calidade alimentaria

Alimentos_PIXABAY

Trátase dunha aposta da Comunidade pola competitividade dos seus produtos, unha nova Lei de calidade alimentaria que impulsará as denominacións de orixe e as indicacións xeográficas protexidas, así como outras figuras como o selo de artesanía alimentaria.

Baixo o obxectivo de que o novo texto estea aprobado o vindeiro ano, con esta iniciativa reforzarase o control para loitar contra as prácticas desleais, tanto na produción como na comercialización; ademais da actualización do catálogo de infraccións e do procedemento sancionador, adecuándoo á realidade actual e tendo en conta o cada vez maior volume de vendas que se realizan a través de internet.

Así mesmo, a normativa facilitará a adaptación ao Pacto Verde Europeo e os Obxectivos de desenvolvemento sustentable, que promove a orientación do sistema alimentario cara á sustentabilidade, a innovación e a transición xusta.

Por outra banda, a nova Lei perseguirá un maior control sobre as entidades privadas de certificación alimentaria, que deberán realizar unha declaración responsable cando exerzan actividades relacionadas coa verificación do cumprimento de esquemas de certificación públicos (como a produción integrada, o etiquetado facultativo de carne de aves, as especialidades tradicionais garantidas, etc.); e introducirá criterios para que nas compras públicas se aposte por produtos frescos, de tempada, ecolóxicos, de proximidade e de calidade diferenciada.